Bon de Arriba, 40. Beluso (Bueu)
![]() |
| O teu cabelo dourado |
Todos temos un pobo a xeito de locus amoenus. Un lugar distinto, con raíces nel ou non, ao que acudir ás veces para lavar a cara da rutina. O meu é unha parroquia costeira como case todas as da península do Morrazo. O seu nome é Beluso.
Se isto fose unha introdución entrañable dunha aldea imaxinaria, algo así como un Villar del Río, diría que Beluso é un lugar pequeno pero con xente. Unha xente que vai camiñando e sempre que saúdan indican o seu rumbo inequívocamente: "vou por aí arriba" ou "vou para alá abaixo". Os cans que andan soltos, que non son poucos, tamén están sempre en movemento, paseando. É moi raro asomar á Carreira, antes da igrexa, e non ver un can solitario para arriba ou para abaixo neses trescentos metros de recta.

