Bon de Arriba, 40. Beluso (Bueu)
![]() |
| O teu cabelo dourado |
Todos temos un pobo a xeito de locus amoenus. Un lugar distinto, con raíces nel ou non, ao que acudir ás veces para lavar a cara da rutina. O meu é unha parroquia costeira como case todas as da península do Morrazo. O seu nome é Beluso.
Se isto fose unha introdución entrañable dunha aldea imaxinaria, algo así como un Villar del Río, diría que Beluso é un lugar pequeno pero con xente. Unha xente que vai camiñando e sempre que saúdan indican o seu rumbo inequívocamente: "vou por aí arriba" ou "vou para alá abaixo". Os cans que andan soltos, que non son poucos, tamén están sempre en movemento, paseando. É moi raro asomar á Carreira, antes da igrexa, e non ver un can solitario para arriba ou para abaixo neses trescentos metros de recta.
Pero hai momentos nos que a xente para e entra aos bares. Curiosamente, os cans tamén elixen as portas destes lugares de reunión para tumbarse e descansar.
Con só dous parágrafos xa conseguín meterme nos bares, cousas das xerarquías. Tamén hai moitas praias e paisaxes fermosos, así que vou escoller unha zona que non estea moi lonxe dun areal que é bandeira azul. Imos ao lugar de Bon, na parte de Beluso orientada cara a ría de Aldán. En Bon sempre lembro ver auténticas aglomeracións de xente ós domingos antes de comer. Os viños servidos aquí teñen certa sona a nivel local: albariños do país os brancos, e tinta femias os tintos. Hai tres bares neste pequeno tramo da estrada comarcal que une Bueu e Cangas pola costa. Deles vou elixir o Bar Fariña, por ser o que máis frecuento.
O Bar Fariña non é só coñecido por este nome. En Beluso os alcumes son unha parte moi importante do acervo popular. Nomes tan curiosos como Caghanamachada, o Resién, ou os Bolos son os que denominan por matrimonio ou descendencia a varias xeracións. O Bar Fariña chámanlle tamén o Carlete, por certa relación que non sei exactamente cal é, que teñen cos chamados Carletes. Pero seica o nome oficial e máis usado é o de Fariña.
![]() |
| Festival de sabor coa empanada de berberechos |
De terraza ampliada nos últimos anos, gaña moito nos días de bó tempo. Hai quen di que non podaron ben a parra que daba sombra, e por iso agora reforzaron cunha malla de plástico a cuberta. Esta terraza de mesas e cadeiras metálicas da directamente á estrada. Tamén a unha casa de dúas plantas construída enfronte. Pero ao fondo domínase gran parte da ría de Aldán, polo que pode chegar a ser, en días de pouco tráfico, un sitio paradisíaco. As risas e as conversacións que se escoitan dos clientes habituais que fican na porta danlle así mesmo autenticidade. Non esquezamos que estamos nun lugar de esparcemento para os de Beluso, que poden botar horas e horas do seu tempo libre compartindo botellas de viño.
É este outro tipo de paraíso, o xénero do Fariña. Os viños son sempre servidos en vasos carolinos tan característicos do Morrazo. Ben, se pides un trina ou un auga, tamén os tomarás nestes vasos tipo sidra. A elección do branco (albariño) ou tinto (tinta femia) sempre será acertada. Viños sen etiquetar, que veñen de viñas plantadas no concello de Bueu, e de calidade. Practicamente imposibles de encontrar fóra das Rías Baixas. O prezo bastante decente: Entre 8 ou 9 euros vale a botella de tres cuartos de calquera dos dous, coido que subiu a nove este verán, ou non tardará en facelo.
![]() |
| Luras, do mercado de Bueu ao Fariña |
Os viños, as bebidas, irán polo xeral acompañados dalgún pincho, como zorza, paga a pena pedir algo máis de
picar se tes fame. Porque ese é outro dos segredos do Fariña, o surtido
de racións co que conta. Sempre segundo o que atopasen no mercado de
abastos de Bueu, pode haber chinchos, acedías, xoubas, bolos... Pero se
teñen luras, aí hai que aproveitar e pedilas. Son luras da ría, feitas
enceboladas e sempre con sabor a mar. Con patacas fritas de
acompañamento, sen prisioneiros. Tamén hai tortillas, polbo ou empanadas
de fariña de millo. Estas últimas son tamén moi recomendables. Ao
final, á hora de pagar, fanche a conta no papel do mantel e sae sempre
máis barata do que contabas.
Un sitio auténtico, aínda non
demasiado explotado por "jodechinchos", quen sabe no futuro. Mentres tanto, desfruten dos viños e peixes do Morrazo.


.jpg)
Se a conta é feita no mantel de papel... o bar non pode ser malo... Fíxoseme a boca auga lendo o artigo. Unha escusa máis para parar pola zona de Aldán. :)
ResponderEliminarNon lles digas aos de Beluso que esa é a zona de Aldán... e como dicir que estás en Cangas en Moaña, como que Coruña é a capital de Galicia estando en Vigo. Buscarías un problema ;)
ResponderEliminarCo bó tempo xa sabes dun bó sitio onde picar algo nunha xornada de praia.