jueves, 13 de octubre de 2011

RIKITRI


Non só se fala de fútbol, tamén de... tulipáns e pombas, por exemplo

Dinme un prazo de 15 días pra definir se este blog quedaba coma unha bala de palla no Far west, ou se ía ter continuidade. Como minto máis que escribo (cousa en absoluto difícil, posto que non escribo un carallo), vou continuar coa seguinte entrada... preto de dous meses despois. Aínda que agardar tanto coido que paga a pena. Porque “Tomarse algo” vai deterse a tratar de describir a Taberna RIKITRI. Así, con maiúsculas.


Falar do RIKITRI e falar do Celta. O primeiro que chamará a atención do cliente neófito é a cantidade de decoración futbolística que posúe o local. O teito está copado por bufandas de equipos de toda Europa. Nas paredes e estantes detrás da barra, a superposición de posters, recortes de xornais, autógrafos e obxectos balompédicos varios levaría unhas cantas horas para escudriñalos.

As bufandas do teito, para aquel que coñeza un pouco o Celta, non precisan de moita explicación só con botarlle unha ollada. Para aqueles lectores que nunca entraron no RIKITRI, trátase de  todos os equipos que xogaron contra o conxunto celeste en competición europea (UEFA, Intertoto, e Champions). E están ordeadas cronolóxicamente, dende o Aberdeen ao Werder Bremen. Podería parecer que é tamén unha orde alfabética, pero non, porque polo medio está o Zenit de San Petesburgo, por exemplo.

O local está rexentado por Miro (de Arximiro, non de Ramiro ou Casimiro). O bigotudo máis coñecido de Mos enteiro. O horario establecido segue escrupulosamente o mandato de “Abrimos cando chegamos, pechamos cando nos vamos. Se non nos atopamos, é porque non coincidimos”. Así, pode ser que estea aberto a mediodía, que non abra ata pola noite, que peche ás cinco da maña... pódese dar calquera circunstancia, Miro é quen goberna.

O mellor Licor Café do Mundo Mundial


Ante a dúbida de que tomar, eu téñoo moi claro: Unha copa de Licor Café. Feito na casa polo propio Miro, é un dos mellores que probei na miña vida nos bares. E 1,75 vale a copa! Por se acaso xa levas seis ou sete copas enriba, e prefires pasar a algo máis suave, non vaia ser, a cervexa é unha boa opción. A un prezo que non lembro, pero garantido que moi competitivo. Hai quen tamén toma os seus viños, cousa que eu non probei aínda, cegado polos encantos do Licor Café, pero coido que non han de ser malos. Coma se queres pedir un Aquarius, o importante é que cada consumición vai acompañada duns “persebiños”, como lles chama Miro. El colle un feixe de cacahuetes (dos que teñen cáscara) coa man e ponchos na barra para que rilles neles. Espectáculo.

Para entreterte no Rikitri, podes entablar conversación fácil, a barra non é moi grande, e as distancias entre consumidores axústanse favorecendo a interrelación. Miro tamén se une sen problemas a calquera charla. Hai un futbolín, pode ser que se improvise unha partida de tute por parellas á 1:30 da madrugada, hai clientes do karaoke de Hernán Cortes que entran e saen a comentar a súa interpretación... non te vas aburrir mentres bebes. E canto máis bebes, máis te gustas, que dicía o anuncio de Mondariz.

Foi bola?


É curioso, porque un pensa que nun bar pola madrugada o ambiente é decadente e tristón. Pero nesta taberna todo é diferente. E coma o bar de Cheers, a serie americana, pero á galega. Polo das risas, digo. Onde todo o mundo sabe o teu nome (esaxeración, coido que Miro non sabe o meu), pero tamén pódeste atopar cun coro de voces tabernarias entoando canción popular galega ou unha troula organizada por Miro, con concerto, pulpeiro ou sabe dios rematada con todos no escenario do karaoke de Hernán Cortés destrozando “Mi agüita amarilla” dos Toreros Muertos. Este é un sitio especial, en certo modo optimista. Algo que fai boa falta nunha cidade na que o Celta está máis para decepcións que para alegrías.

Por último, a pesar de ser un local de moitos anos, nun edificio de pedra dos máis antigos da rúa Hernán Cortés e sen reformas recentes no interior, está actualizado ás novas tecnoloxías. Miro ten un miniportátil destes e está sempre pendente da recente páxina de Facebook, comentando a actualidade do Celta e animando a que non decaia. A min, persoalmente, sírveme para esas noites que non podo ir alí, estar presente lendo os seus últimos comentarios, nun xeito de ir aos bares 2.0. Que non é o mesmo, claro, pero sáeche un sorriso nesas noites que tardas en durmir cada vez que les un comentario de Miro e mentalmente póslle o seu ton de voz. 

2 comentarios:

  1. Espestacular reportaxe periodistico, firmariao o mais afamado da profesión, deixando abraiados os seus sejidores. O mellor taskeiro sentiriase representado na sua mellor versión nista reportaxe, kero dar a noraboa po-lo artigo, e q sija medrando a brilante idea de sacar as tascas do anonimato. Viva o ambente tabernario

    ResponderEliminar