sábado, 4 de febrero de 2012

Bar Os Cantareiros

Tan sinxelo coma ir pola rúa e que che diga o compañeiro: "hei, nese bar teñen bandeiras do Celta na porta ¿entramos?". Imposible negarse ao reclamo. Estabamos nunha zona moi próxima a miña casa e a menos de 50 metros dun establecemento tan emblemático do pincho con tapa como é o Orensano. Era a primeira vez que pisabamos "Os Cantareiros" e en canto pedimos os primeiros viños, axiña souben que non sería a última. 


Chourizos, viño do condado e Iago Aspas




O viño resultou sorprendentemente bó, e a resposta explicaba o motivo "é caseiro, do Condado". Ademais estaba servido nunha especie de carolinos (que é como lle chaman no Morrazo aos vasos de sidra) pero cortados pola metade. Algo así coma comparar as mastabas coas pirámides. E nestes vasos de sidra truncados pero de bordes finos, ese viño dicía algo máis ca outros correntes.


Porque o punto forte dos Cantareiros é o seu repertorio de viños. Nunha liña semellante á do Mesón Bouzas, ofrece variedade de viños do País (ribeiro, condado, rosal tinto, albariño) a prezos axustadísimos. Ao ir a pagar eses primeiros condados, resulta que cada un valía 1 euro. A botella, 4 euros. Insisto no feito de que o viño está bó, é suave e de cor tirando a aceite moi apetecible. O albariño está a 7,50 a botella, e pareceume de boísima calidade. Máis barato ca no supermercado.


Pasas de pedir un vaso a pedir a botella enteira




Pero ademais do viño con excelente relación calidade/prezo, Cantareiros ofrece eses aqueloutros que lle engaden valor a un bar. En primeiro lugar, é a sede da peña celtista do mesmo nome, polo que xa sabes que para ver os partidos nunca vai fallar, amenizados polos berros de "xa son nosos" por parte dos propios encargados. Os bocois coma soportes onde apoiar as consumicións sempre son benvidos. A amabilidade e rapidez da atención avalíanse en que a un servidor cando entra pola porta o camareiro xa lle chama"artista", "figura" e todos eses sinónimos de familiaridade tan tabernaria. 


No apartado de xantar, mantén a cabeza moi alta. Sempre acompanan cada consumición con pinchiños, feliz costume cáseque xeralizado en Vigo. E estes poden ser sorprendentes. Poden sacarche un arroz con cogumelos do monte acarrexados polos propios clientes habituais, ou un guisote de macarróns con carne, callos, ensaladilla, tortilla, zorza, minipizzas... non te aburres, pero o que soe ser habitual é un simple chorizo envolto en queixo e quentado no microondas. Saboroso e quentiño, cun anaco de pan quedas satisfeito por uns intres. Pero se aínda quedas con fame, podes pedir unhas tapas: croquetas, unha tortilla completa ou zorza con patacas. Nada sofisticado pero para que, se con esto xa me vale?



Letras de cancións populares e unha elástica histórica da tempada 92-93



Nas fins de semana, moita xente reserva ceas, compostas de viños a esgalla, e surtido das tapas anteriormente nomeadas. Os venres co aliciente de que van SEMPRE dous músicos con cadansúas guitarras, Os Tonys. Amenizan a uns clientes que rematan por unirse a entoar un repertorio cheo de clásicos: "Salió de Jamaica", "A Rianxeira", "Catro vellos mariñeiros"... Se estás farto de viño sempre podes pedir licor café en copa a uns cáseque insultantes 1,40 euros.


Cal é o fallo? que pecha os luns. 

1 comentario: